O mellor / El mejor rapsoda de europa
sábado, 17 de febrero de 2007 by Parroquia de Lourdes
Estracto publicado en el diario "El País" el 16/02/2007 y escrito por MANUEL RIVAS LUCES, bajo el título "Os preferidos das deusas"
En canto aos vivos, e falando dos preferidos das deusas, qué é de Carlos Oroza?
Manuel Forcadela, o seu grande amigo, dedicoulle un poema que ten ese ton murguiano de admirado e pícaro reproche: Apúntaste o primeiro a ter trato coas deusas / e logo cando partes xa cansas se retiran / sen folgos de atender outros cantores. E remata dicindo: Por qué, Carlos Oroza? Por qué, bandido errante?.
Para non poñerme enciclopédico, vou situar a Carlos Oroza co retrato telegráfico que del fai Carlos Tena e que eu apaño nun lugar estraño, como debe ser. O sitio Corriente Roja. Escribe Tena: "Carlos Oroza, poeta mágico, gallego, único y genial, es sin duda el mejor rapsoda que existe en Europa. Sus recitales a mitad de la década del sesenta eran tan imponentes que, al finalizar su intervención, salía del escenario como un torero, a hombros de los estudiantes. Posee un lenguaje de una originalidad sin medida, el carisma del océano. Oroza es como una ola gigante, profunda y azul, de consecuencias imprevisibles, donde puedes naufragar para siempre o ser arrojado a las playas más dulces del globo".
A maior honra de Carlos Oroza, non moi amigo do paseíllo taurino nin coleccionista de tardes de gloria, hai que dicir que non sempre saíu dos recitais a ombros de estudiantes. Mesmo estivo a piques de saír linchado. Ocorreu no 1975, no Teatro Malvar, en Pontevedra, nun acto cultural convocado polo Casino. Aínda vivía Franco, aínda tiña pulso para asinar penas de morte. E tocoulle recitar a Carlos Oroza. Aló vai el, atreveuse con Se prohibe el paso. Ía contra o chamado Desfile de la Victoria. Penso que é o mellor poema antifranquista que coñezo.
EN ESTE LUGAR SE CELEBRA EL CRIMEN CADA AÑO...
Un grupo de brutáns foi a por el. Queríano matar. Entón dous amigos, os irmáns Manolo e Ánxel Vázquez de la Cruz, tiveron o reflexo de acudiren ao escenario e presentarse como policías da secreta. Levárono detido. Dando voces. Arrastro. Así, como nunha comedia de Ernst Lubitsch salvouse Carlos Oroza.
Contan que o outro día pasou a visitar unha exposición polo MARCO de Vigo (o espazo artístico que mellor marcha en Galicia). Parouse un intre diante dunha placa onde se di que o Museo foi inaugurado polo Príncipe de Asturias, D. Felipe de Borbón. E Carlos Oroza fixo de pasada unha pequena observación: "Non é certo, inaugureino eu". E é certo. Inaugurouno el. Os que asistiron, non esquecerán endexamais o seu recital.
Hai tempo que non vexo a Oroza, mais podo oír os seus pasos como se o poeta underground, o noso Allen Ginsberg, andara por riba de nós, pisando nas madeiras no sobrado do ceo. Cito a Ginsberg, o autor do Ouveo, como referencia histórica, pero Carlos Oroza (nado en Viveiro, en 1933) dálle mil voltas como bardo recitador. Entre os episodios pouco coñecidos da súa vida lendaria, está o paso do poeta por Nova York. Ficou como un feitizo oral gravado na memoria dos americanos que tiveron a sorte de escoitalo. A igual que fixera coa illa de Ibiza co poema Malú, fixo levitar Greenwich Village co poema América.
Y América ya no recibía calor. América
estaba crucificada
Y no había conseguido avanzar ni un
milímetro tan solo
Unha das súas últimas presenzas foi no Festival Internacional de Poesía, no Palau da Música de Barcelona, en maio de 2004. Alí compartiu escenario con poetas de América, Asia e Europa. Entre os españois, Carlos Edmundo de Ory e Leopoldo María Panero. Todo o morbo poético estaba concentrado, claro, neste último. Cumpriu a expectativa. De entrada, Panero exclamou: "¡No sé a qué he venido!". Grandes aplausos. Mais cando comezou a recitar o autor de Una porción de tierra gris del norte o Palau enteiro ficou en penumbra e silencio para escoitar os fósforos na boca de Carlos Oroza. Velaí están as crónicas: "Maestro de la oralidad, anoche se llevó los mayores aplausos, por la belleza de sus imágenes poéticas y por su magistral y a la vez austero recitado".
Pasou necesidades. Fame. Nunca se queixou nin lle dedicou a adversidade persoal a atención dun verso. Puxéronlle o seu nome a un instituto de Pontevedra. O Carlos Oroza ten unha magnífica escola de hostalería: a Vida, que é unha cachonda. Na colección Tambo (Deputación), dirixida por Luis Rei Núñez, publicaron a poesía (case) completa co título En el norte hay un mar que es más alto que el cielo. Dedicáronlle un programa en Por amor á arte, na TVG, realizado a peito descuberto por Antón López, unha xoia de video-creación que só puideron ver, pola hora, os somnámbulos saídos do Bar das Almas Perdidas. Segue a practicar por Vigo o paseo ás ceibas, o walkscape, como Tristan Tzara por Zurich. El escribe graffitis no ar. Un día dixo: "Non hai razóns para suicidarse, pero tampouco para seguir vivindo". El anda. E constrúe os poemas coa enerxía alternativa dese andar ceibo. Non coñezo auto-poética comparábel á enunciada por Carlos Oroza nunha frase puída e precisa como unha semente: "Las palabras sueñan que las nombro". Oroza, insobornábel poeta. Por iso quéreno as palabras. E as deusas.